Saturday 04 de May de 2024

O I Mercado Labrego e Artesán de Lousame celebrarase o 17 de abril na Praza do Concello


Reunirá uns vinte postos con produtos do sector primario da comarca e con artesanía

A primeira edición do Mercado Labrego e Artesán de Lousame celebrarase o domingo 17 de abril na Praza do Concello, entre as 10 e as 14 horas. O evento foi presentado hoxe por Teresa Villaverde, a alcaldesa, e por Carme Freire, presidenta da asociación ‘Maisdetres’, organizadora do mercado, acompañadas por varias persoas integrantes deste colectivo.

O mercado reunirá uns vinte postos nos que se poderán adquirir e degustar produtos do sector primario de toda a comarca, como froitas, hortalizas, marmeladas, conservas, doces, zumes ou elaborados lácteos. Ademais, haberá postos con artesanía, tanto con utensilios funcionais para tarefas domésticas e agrarias como artigos decorativos, elaborados con materias como o coiro, a madeira, o vimbio ou a la. Non faltarán actuacións musicais en directo.

A alcaldesa de Lousame explica que o mercado será “un intercambio de sabores, de saberes e de experiencias” que demostrará “o gran potencial socioeconómico dun municipio rural como este, tanto nos ámbitos do agro ou a gandería como no do forestal”. Teresa Villaverde sinala tamén que este primeiro Mercado Labrego e Artesán “é un paso máis nun traballo de longo percorrido que iniciamos en 2013 con varias accións formativas”.

Neste sentido, expuxo que se viñeron efectuando, cunha elevada demanda, cursiños sobre técnicas de cultivo ou transformación de produtos agrarios e que durante o seu transcurso “percibimos unha falta de autoestima sobre estas actividades”. Por iso, a rexedora felicitou a ‘Maisdetres’ como organizadora do mercado e destacou a colaboración da UNED Sénior, posto que estas iniciativas contribúen á recuperación do patrimonio cultural da zona.

Villaverde tamén fixo fincapé en que non é casual que o mercado coincida coa II Carreira Popular Pilar Barreiro Senra: “a alimentación sa e a práctica do deporte son dous elementos fundamentais para a saúde”, indicou. En canto ao aspecto loxístico, a alcaldesa anticipou que a coincidencia dos dous eventos “non impedirá que haxa aparcadoiros suficientes, que organizaremos co labor do voluntariado”.

“No rural hai moita vida”
Pola súa parte, a presidenta de ‘Maisdetres’, Carme Freire, coincidiu en que o mercado “ten que servir para a recuperación e para iso é necesario que teña unha trascendencia no plano económico porque no rural hai moita vida e moitas posibilidades de estimular a economía”. Do mesmo xeito, Freire definiu o mercado “como espazo para comprar, pero tamén para falar, encontrarnos, bailar… nunha amalgama que debe mostrar a riqueza que temos en Lousame”.

Como exemplos, Freire situou os derivados lácteos que se elaboran no municipio, a utilización de fariñas de millo de variedades autóctonas colleitadas na zona ou a recuperación de hortalizas e froiteiras propias da comarca. “Todo isto ten un valor importantísimo, que sintetizamos no lema do mercado como ‘o que lle dariamos de comer aos nosos’, e é necesario revitalizalo e rendibilizalo”.

Freire aproveitou tamén para destacar a agradecer o traballo das persoas que botarán unha man para a montaxe e a decoración do mercado, pola súa dedicación e esforzo para lograr “que vaiamos ter un espazo moi agradable para todos os sentidos”.